Categorías
Proxectos

PonteN´epoca

PonteN ́epoca nace dunha idea que quedou sen levar a cabo durante o curso anterior: converter as prazas de Pontevedra nunha exhibición musical na que os transeúntes poideran participar tocando instrumentos ao tempo que coñecían as características e o repertorio máis importante das diferentes familias instrumentais.

O currículo da materia de música de 3º de ESO servíu como impulso para reflexionar acerca da conexión entre os acontecementos históricos e as correntes artísticas, así como sobre a evolución da educación ao longo da historia e a importancia da expresión artística no desenvolvemento das persoas.

A conclusión de que a formación artística é beneficiosa para a formación, convertiu a exhibición que o alumnado estaba a preparar nun medio perfecto para reflexionar sobre esta cuestión e recadar fondos para levar a educación artística a lugares desfavorecidos a través da colaboración coa ONG Lápices y Colores.

Obxectivos:

  • Realizar conexións entre os contidos das diferentes materias do curso e, polo tanto, entre diversas áreas de coñecemento.
  • Reflexionar acerca da evolución da educación ao longo da historia.
  • Interiorizar a propia capacidade de realizar accións que produzan un cambio social.

O alumnado, coa guía do equipo docente, encargouse de todas as fases do proxecto, dende a idea orixinal á súa transformación na idea final, da elaboración dos materiais e da imaxe corporativa, fotografía e vídeo, así como de preparar e coordinar as reunións cos representantes das entidades colaboradoras (Concello de Pontevedra, Conservatorio Profesional de Música de Pontevedra, Xove Orquestra Filharmónica da Cidade de Pontevedra e ONG Lápices y Colores).

O resultado foi unha xornada de celebración artística na Praza da Ferrería de Pontevedra, o 12 de xuño do 2019, con exposicións dos traballos realizados ao longo do curso nas materias de EPVA, Música, Lingua Castelá, Matemáticas Aplicadas, Valores Éticos e Física e Química: interaccións de personaxes históricos de todas as épocas, representacións teatrais, poesía, concertos, ilusión e solidariedade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *