“Profe, este curso queremos facer unha banda de Rock de Robots”. Isto foi o que me propuxo a clase de 2º ESO B a poucas semanas de empezar o curso. A mestura entre Rock e Robot, levounos rápidamente a poñerlle nome ao noso primeiro prototipo, o RockBot.
Cando o alumnado é o protagonista da súa propia aprendizaxe e ten a oportunidade de tomar decisións, as súas propostas son tremendamente orixinais. Ben é certo que isto non sae da nada: o curso pasado levaron a cabo unha Misión a Marte e unha das tarefas do proxecto tiña como ingrediente a programación e a impresión 3D a través do Escornactor.
Cal foi a miña tarefa como docente? Poñerme ao día en programación e impresión 3D para poder guialos nas fases do proxecto e argallar actividades conectadas co currículo da materia e co proxecto. Transformar a linguaxe musical en programación non ía ser tarefa doada, do mesmo xeito que se antoxaba difícil deseñar un robot funcional capaz de interpretar patróns rítmicos. Pero o máis complicado foi acompañalos no proceso de adecuación entre o ideal que pretendían alcanzar e a realidade á que podían chegar dado os coñecementos previos.
Tocounos conformarnos cun pequeno prototipo de RockBot capaz de tocar a dúas mans diversos patróns rítmicos na batería. O curso non deu para máis e o proxecto inicial dunha Banda RockBótica capaz de realizar unha peza musical completa quedou aparcada co cambio de curso e coa ilusión do proxecto PonteN´epoca do novo curso, pero o noso pequeno RockBot ocupa un lugar no Espazo Maker do centro, sendo motivo de sorpresa para todo aquel que o visita.