A curta Romeo & Juliet, realizada coa técnica de stop motion por estudantes de primeiro da ESO foi o primeiro proxecto que coordinei no IES A Xunqueira II. Foi verdadeiramente unha historia de amor co SEM (Schoolwide Enrichment Model, de Joseph S. Renzulli e Sally M. Reis), modelo que acababa de coñecer tras participar no Programa Talento 3.0 promovido pola Fundación Barrié en colaboración coa Consellería de Educación e a participación da USC.
A conmemoración do V Centenario da morte de Shakespeare foi o desencadeamento que me serviu para atender a gran diversidade que atopei na clase de inglés de 1º de ESO, formada por 20 rapaces e rapazas de niveis tremendamente distantes. A diferenciación curricular que estaba comezando a interiorizar a través do estudo do SEM, axudoume non só a atender á diversidade da aula, senón a entusiasmar aos rapaces e rapazas da miña clase, que lograron contaxiar a outros docentes e estudantes.
Entusiasmada pola posibilidade de atender aos intereses do alumnado e desenvolver os seus talentos sen afastarme do currículo a través da elaboración do guión en inglés, o deseño do vestiario, a creación dos monicreques, a fotografía, a interpretación da banda sonora, a creación do escenario, etc. Cada estudante especializouse no ámbito que máis lle interesaba, dando desta maneira o mellor de si mesmo coa finalidade de conseguir un obxectivo común.
No seguinte vídeo podedes ver o resultado final, aínda que o verdadeiramente importante quedará nas nosas memorias: cancións cantadas a coro na clase, recreos e tardes compartidas con biscoitos e lambonadas e mesmo discusións para chegar a acordos sobre si o narrador debía ser un can ou un gato. Todas elas, experiencias que nos fixeron namorarnos deste proxecto e do ambiente de traballo en equipo que logramos crear na clase.